Amosando publicacións coa etiqueta Diario. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Diario. Amosar todas as publicacións

venres, 20 de marzo de 2020

Venres, 20 de marzo

Bos días, peques!

Hoxe tampouco hai tarefas escolares, pero aquí vos van as ideas de hoxe para pasar un día entretido:

A BUSCA DO TESOURO: podedes esconder un obxecto na casa, e poñer pistas por todas partes. Por exemplo, a primeira pista na mesa da cociña, que poña “atoparás a seguinte pista no lugar onde gardas a roupa”, e que a seguinte pista esté nun armario. No armario outra pista que leve á seguinte... e así ata a pista que vos leve ao tesouro. Podedes xogar facendo vós as pistas e pedíndolle a alguén que faga a busca, ou ao revés: que vos fagan as pistas e vós buscades.

ENTREVISTAS: outra cousa que estou a facer con Carlos é que cada día videochamamos a unha persoa que el escolle, e lle fai unha entrevista. Así de paso ve a eses familiares e amigos que non pode ir ver. Carlos xa entrevistou aos catro avós e ao seu tío! Déixovos a plantilla por se a queredes imprimir, pero é moi sinxela de facer. E por certo, Carlos está a pegar estas entrevistas no seu diario 😉



Un día menos para vernos, peques! 😘

xoves, 19 de marzo de 2020

Xoves, 19 de marzo

Bo día, peques!

Hoxe non hai tarefas, que é festivo, pero quero darvos algunha idea para pasar este día da maneira máis entretida posible. 😉

Primeiro, e aproveitando que é o día do pai, podedes facerlle unha carta ou debuxo a papá.

Tamén podedes aprender a xogar á petanca, que se pode xogar se tedes canicas ou pelotas pola casa, pois so fan falla tres, e podedes xogar no mesmo salón ou no corredor da casa os que non tendes xardín, terraza ou patio.

Por último, podo aportar unha suxerencia como nai: algo que estou facendo estes días con Carlos é un diario de cuarentena (idea doutra mamiprofe que coñezo, ningún mérito meu). Collemos unha libreta vella que tiñamos pola casa, e convertémola no diario de Carlos, e nela cada día imos engadindo cousas que imos facendo, investigamos sobre o coronavirus, poñemos fotos... póñovos algunha imaxe por se vos serve de axuda. Se decidides facer algo así, á volta os que queirades podedes traelo a clase para ensinarllo aos compañeiros, ou ir mandándome algunha foto estes días.






Según se nos vaian ocorrendo cousas que engadir a este diario, ireivos contando.

Que teñades un bo día, meus peques! Xa queda un día menos para vernos! 😘😘😘😘